Wednesday 08 de May de 2024

O concello saca a licitación a renovación do Complexo Deportivo da Piscina Municipal da Laracha


O investimento alcanzará os 180.000 euros.

O Concello vén de sacar a licitación os proxectos de renovación das instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha e de subministro de novas máquinas para o ximnasio.

Esta ampla e ambiciosa iniciativa contempla varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.

Na zona do vaso da piscina contémplanse intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.

Na parte exterior da edificación realizarase a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores.

Na zona do ximnasio será substituída toda a maquinaria cardiovascular, de musculación e de peso libre incorporando novos equipos de alta gama. Tamén será renovado o pavimento, prevendo a instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización na sala de spinning.

O investimento alcanzará os 180.000 euros para a mellora do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, que conta actualmente con máis de 1.600 usuarios.